Declaración de Cidade do Cabo para a Educación Aberta:
Abrindo a promesa de Recursos Educativos Abertos
Estamos
na cúspide dunha revolución global no ensino e na aprendizaxe. Educadoras e
educadores ao longo do mundo están a sementar un vasto corpus de recursos
educativos na Internet, aberto e libre para que todos e todas poidan usalo.
Estes educadores e educadoras están a crear un mundo onde cada persoa no
planeta poida acceder e contribuír á suma do coñecemento humano. Tamén plantan
as sementes dunha nova pedagoxía onde docentes e estudantes crean, dan forma e
desenvolven xuntos o coñecemento, profundando as súas habilidades e
entendemento no proceso.
Este movemento educativo emerxente combina a tradición establecida de compartir
boas ideas con colegas educadores e educadoras e a cultura colaborativa e
interactiva da Internet. Está construído sobre a crenza de que cada persoa
debería ter a liberdade de usar, adaptar á medida das súas necesidades,
mellorar e redistribuír recursos educativos sen restricións. Os educadores,
educadoras, estudantes e outras persoas que compartan esta crenza están a
congregarse como parte dun esforzo mundial para facer a educación máis
accesible e efectiva.
A crecente colección global de recursos educativos abertos creou un terreo
fértil para este esforzo. Estes recursos inclúen materiais de cursos con
licenzas abertas, planificacións de clases, libros de texto, xogos, software e
outros materiais que apoian o ensino e a aprendizaxe, contribuíndo a facer a
educación máis accesible, especialmente onde o diñeiro para os materiais
educativos é escaso. Tamén contribúen a fomentar na aprendizaxe a cultura
participativa, a crear, a compartir e a colaborar, cultura que as sociedades do
coñecemento de rápida evolución necesitan.
Con todo, a educación aberta non está limitada a só recursos educativos
abertos. Baséase tamén en tecnoloxías abertas que facilitan unha aprendizaxe
colaborativa e flexible e en compartir prácticas de ensino que permitan aos
educadores e educadoras beneficiarse das mellores ideas dos seus e das súas
colegas. Pode crecer até incluír novos enfoques na avaliación, na acreditación
e na aprendizaxe colaborativa. Comprender e adoptar innovacións como esta é
crítica para a visión a longo prazo deste movemento.
Existen moitas barreiras para a realización desta visión. A maioría dos
educadores e educadoras descoñecen o crecente número de recursos educativos
abertos. Moitas institucións educativas e gobernamentais non están ao tanto ou
non están convencidas dos beneficios da educación aberta. As diferenzas entre
os esquemas de licenzas para os recursos abertos crean confusión e
incompatibilidade. E, por suposto, a maioría do mundo aínda non ten acceso aos
ordenadores e ás redes que son fundamentais para a maioría dos esforzos de
educación aberta.
Estas
barreiras poden ser vencidas só polo traballo en común. Convidamos a estudantes,
educadoras e educadores, autores e autoras, escolas, facultades, universidades,
editoras e editores, sindicatos, gremios profesionais, lexisladores e
lexisladoras, gobernos, fundacións e outros que compartan a nosa visión a que
se comprometan coa persecución e promoción da educación aberta e, en
particular, a levar a cabo estas tres estratexias co obxectivo de incrementar o
alcance e o impacto dos recursos educativos abertos:
- Docentes e estudantes: Primeiro, animamos as educadoras, educadores e estudantes a
participar activamente no movemento emerxente da educación aberta. A
participación inclúe: a creación, o uso, a adaptación e a mellora dos recursos
educativos abertos, adoptar prácticas educativas construídas arredor da
colaboración, do descubrimento e da creación do coñecemento e convidar os pares
e colegas a involucrarse. A creación e o uso destes recursos abertos deberán
ser considerados como integrais á educación e deberían ser apoiados e
recompensados de maneira acorde. - Recursos Educativos Abertos: En segundo lugar, convocamos as educadoras e educadores, autoras e
autores e institucións a publicar os seus recursos abertamente. Estes recursos
educativos abertos deberían ser licenciados para facilitar o uso, a revisión, a
tradución, a mellora e o seu uso compartido por calquera persoa, idealmente sen
restricións legais máis ca un requirimento do creador ou creadora para unha
atribución apropiada ou para compartir traballos derivados. Os recursos
deberían ser publicados en formatos que faciliten tanto o uso como a edición e
que poidan acomodarse a unha diversidade de plataformas técnicas. Cando sexa
posible, deberían estar dispoñibles para persoas con discapacidades físicas e
para aquelas que non teñen acceso á Internet. - Políticas de Educación Aberta: En terceiro lugar, os gobernos, as xuntas ou consellos de escolas,
as facultades e universidades deberían facer das políticas de educación aberta
unha prioridade. Idealmente, todos os recursos educativos financiados cos
impostos dos contribuíntes deberían ser recursos educativos abertos. Os
procesos de acreditación deberían dar preferencia aos recursos educativos
abertos. Os centros de recursos educativos deberían incluír e destacar
activamente os recursos educativos abertos dentro das súas coleccións.
Estas estratexias representan moito máis que o
que hai que facer. Constitúen un sabio investimento no ensino e na aprendizaxe
para o século XXI. Farán posible redirixir fondos dos caros libros de texto
cara a unha mellor aprendizaxe. Axudarán ao profesorado a destacarse nos seus
traballos e outorgarán máis oportunidades para unha maior visibilidade e
impacto global. Acelerarán a innovación no ensino. Daralles aos estudantes un
maior control sobre a súa aprendizaxe. Estas estratexias son sensatas para
calquera.
Miles
de educadoras e educadores, estudantes, autoras e autores e persoas encargadas
da administración e lexislación están xa involucradas en iniciativas de
educación aberta. Temos a oportunidade de facer medrar este movemento para incluír
millóns de docentes e institucións en todos os recunchos do mundo, ricos e
pobres. Temos a ocasión de chegar até lexisladores e lexisladoras, traballando
en conxunto para materializar as oportunidades que se nos presenten. Podemos
facer partícipes a empresas e casas editoriais que estean a desenvolver modelos
de negocios innovadores que son tanto abertos como financeiramente
sustentables. Temos a oportunidade de nutrir unha nova xeración de estudantes
involucrados cos contidos abertos educativos, preparados pola súa aprendizaxe
para compartir o novo coñecemento e intuición cos demais. E o máis importante,
temos a oportunidade de mellorar substancialmente as vidas de centos de millóns
de persoas ao ancho e longo do mundo a través de oportunidades educativas
libremente dispoñibles, de alta calidade, e relevantes localmente.
Nós, as e os asinantes, convidamos todos os
individuos e institucións a congregarse na Declaración de Cidade do Cabo para a
Educación Aberta e, ao facelo, comprometerse a levar a cabo as tres estratexias
anteriormente mencionadas. Alentamos tamén a aqueles que asinen para que
desenvolvan e persigan posteriores estratexias para fomentar e sustentar
esforzos no campo da tecnoloxía aberta, no libre intercambio de prácticas de
ensino e outros enfoques que promovan o uso máis estendido da educación aberta.
Con cada persoa ou institución que tome este compromiso e con cada esforzo
posterior para articular esta visión, achegarémonos aínda máis cara a un mundo
de educación aberta, educación flexible e efectiva para todos e todas.
September
15, 2007
Cape Town, South Africa